C@urel Vivo , rexistrado na Xunta Electoral co nome
de C@urel Vivo - CV, somos unha
candidatura veciñal, sen vinculación política con ningún partido tradicional,
promovida por un grupo de persoas que cremos noutro xeito de facer política:
“da xente e para a xente”. Entendemos o Concello como un espazo de
participación e transformación e co denominador común da defensa dos dereitos
sociais como punto de partida para unha sociedade máis xusta.
O noso código ético, tal e como desexamos, debe
recoller unha serie de medidas para evitar o afastamento entre representantes e
persoas representadas, para asegurar que as persoas que acceden aos cargos
públicos fano cunha profunda vocación de servizo e non pola soa satisfacción de
aspiracións persoais. Só un compromiso ético que minimice as posibilidades de
corrupción garantirá unhas institucións ao servizo da cidadanía.
Establecemos tamén medidas preventivas da corrupción,
como as relativas a evitar os conflitos de intereses e outras situacións que
poden provocar o desvío dunha actuación política correcta. Facemos un fincapé
especial nas medidas relativas á transparencia, que lle permitirán á cidadanía
controlar calquera exceso por parte dos representantes institucionais de C@urel
Vivo.
Este documento recolle un código de prácticas e
accións concretas de obrigado cumprimento para as persoas que se inscriban en
C@urel Vivo, ocupen ou non cargos electos, cuxa finalidade é garantir unha
xestión política cercana e comprometida coa cidadanía, que ofreza mecanismos
eficaces, democráticos e populares de transparencia no financiamento e
rendición de contas, así como espazos reais de participación e decisión cidadá
nos asuntos públicos.
Identifícanse aquí un conxunto de principios e valores
que deben regular a actividade política do conxunto das persoas que se agrupan
arredor de C@urel Vivo. Toda persoa que forme parte desta candidatura debe
comportarse de acordo con certos principios éticos e sociais, debe velar polo
bo uso dos bens públicos e ser especialmente coidadosa cos recursos públicos;
debe orientar a súa práctica polos valores de eficiencia, equidade e eficacia,
e ser responsable e asumir as consecuencias legais e morais das acción e
omisións pasadas e presentes e debe estar disposta a dar conta delas.
Proponse estimular boas prácticas, para fortalecer a
vida democrática e prestixiar, novamente , o compromiso e a actividade
política.
PROCESO DE CONFORMACIÓN DA CANDIDATURA ELECTORAL
OBXECTIVOS:
· Somos unha candidatura veciñal, polo tanto
esixímonos un proceso aberto, no que poida postularse calquera persoa sempre
que se concorde cos principios, código ético e condicións aprobadas pola
asemblea de C@urel Vivo.
· En aras da radicalidade democrática debemos respectar
o principio de igualdade e de toma de decisións dende a base, polo
que rexeitaremos calquera imposición de nomes ou reparto de “cotas” en base a
siglas ou grupos organizados.
· Debemos facer unha lista plural, representativa
dos/as veciños/as do Courel, fomentando a participación dos movementos sociais,
culturais e veciñais que o desexen. Contaremos con persoas de diversos sectores
profesionais, e cun adecuado equilibro territorial entre os diferentes núcleos
do rural.
· Defensa do noso patrimonio natural e cultural.
· Comprometémos a realizar unha campaña electoral de
carácter informativo das nosas propostas limpa e respectuosa co medio e
reduciremos ao máximo os gastos da mesma coa renuncia expresa ao envío de
“mailing” electoral.
REQUISITOS PARA PODER SER CANDIDATA/O :
Non poderán figurar na candidatura persoas que se
atopen nos supostos seguintes:
· Persoas que estean imputadas ou condenadas
xudicialmente por casos de corrupción, financiamento ilegal ou calquera outro
delito relacionado coa administración pública.
· Tampouco aquelas persoas imputadas – condenadas por
delitos de violencia de xénero, violación dos dereitos laborais, homofobia ou
xenofobia.
· Persoas que na actualidade estean desenvolvendo
cargos de representación política ou pública noutras administracións, a non ser
que previamente renuncien aos mesmos.
· Persoas que pola súa actividade presente ou pasada
poidan dar lugar á creación de conflitos de intereses na representación do seu
cargo ou á sospeita de querer realizar un aproveitamento persoal do mesmo.
A Asemblea de C@UREL VIVO estará facultada para
interpretar as casuísticas concretas que se deriven destes puntos.
CÓDIGO ÉTICO DAS/OS CONCELLEIRAS/OS
Ao mesmo tempo, para aquelas persoas que logren unha
acta de concelleira/o da lista de C@urel Vivo establécense as seguintes
condicións de obrigado cumprimento:
1. NON Á DUPLICIDADE DE CARGOS: no caso de que unha
concelleira ou concelleiro alcancen un cargo de representación pública noutra
administración ou parlamento – senado, deberá abandonar inmediatamente a súa
acta de concelleira/o.
2. LIMITACIÓN DE MANDATOS: establécese unha limitación
de mandatos de 2 lexislaturas para todos os cargos de C@urel Vivo, que estean no equipo de goberno.
3. NON AOS PRIVILEXIOS: as concelleiras e os
concelleiros de C@urel Vivo rexeitarán calquera agasallo, privilexio ou trato
de favor, que se lles poida ofrecer en razón do seu cargo, e comunicarán tal
rexeitamento de xeito público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario