Programa - C@urel vivo

                                   C@urel vivo

Polo C@urel, con ARELA

DESTACAMOS:

Moción para a Mellora de Cobertura Móbil - Aprobado por unanimidade

 MOCION que presenta o grupo municipal de C@urel vivo – CV diante do Concello – Pleno de Folgoso do Courel, presenta para a súa discusión e ...

Buscar neste blog

Programa

Administración local e servizos públicos

  • Débese limitar o salario do/a alcalde/esa a unha cantidade digna e sensata para o tamaño e orzamento do noso concello.
  • Democracia e transparencia no Concello á hora de xestionar os fondos públicos, de contratar empresas e persoas, de elixir aos pedáneos, etc. Facilitar e reducir os trámites burocráticos no posible.
  • Difundir os acordos e propostas dos plenos municipais e facer que sexan accesibles dende a páxina web do concello, para que os/as nosos/as veciños/as poidan coñecer o que se debate na Casa do Concello, así como ofrecer máis servizos e novas na devandita web.
  • Dar prioridade ás empresas e veciños/as do concello nas contratacións e adxudicacións de obras.
  • Facer os locais públicos máis accesibles ás persoas con mobilidade reducida, realizar unha recollida do lixo selectiva, evitar “feísmos” nas reformas que faga o concello e darlle uso a obras que están a por rematar ou non se usan (cesión para montar negocios, uso de locais restaurados para museos ou vivendas, etc).
  • Mellorar os servizos públicos ou dotar deles ós lugares onde non existan, tales como: abastecemento de auga que garanta o caudal necesario e a salubridade(facendo análises cada ano e limpeza e conservación dos tanques de distribución); Dotar de sumidoiros e saneamento ás poboacións que carezan del; Dotar de cobertura telefónica e de internet todo o concello, facendo presión sobre as multinacionais do sector.
  • Realizar reunións  parroquiais coa xente cada 6  meses como máximo, para así informarse das inquedanzas e recoller propostas dos veciños/as e dinamizar o noso rural. Abrir un “portal de suxerencias” onde os veciños e veciñas poidan facer propostas no Concello.
  • Recuperar a xestión dalgúns servizos que se entregaron á Deputación (e polos que o Concello paga) e racionalizar o gasto na subministración de servizos (alumeado público, recollida de lixo, etc).

Sanidade e servizos sociais:

  • Reclamar un servizo sanitario eficiente e digno, no cal se dispoña de gardas nocturnas, haxa unha mellor coordinación de ambulancias, se oferten servizos de xeriatría e pediatría mensuais, etc.
  • Posta en funcionamento do centro de día/residencia de maiores de Folgoso para a terceira idade, xerando así postos de traballo estables no concello e prestando un servizo moi necesario para os nosos maiores.

Emprego e asesoramento aos emprendedores:

  • Promover o emprendemento no noso concello, reducindo as taxas municipais para emprendedores, así como informar dos postos de traballos a todos/as os/as veciños/as.
  • Asesoramento e apoio ás empresas locais. Potenciación dos sectores produtivos.
  • Solicitar axudas de todo tipo que permitan realizar proxectos e que potencien o asentamento de poboación e a xeración de emprego. Non se poden perder subvencións por non pedilas ou por falta de vontade de facelo.
  • Promover a realización de cursos para as persoas en activo e en situación de desemprego, poñendo especial atención en mozos, mulleres, parellas con nenos e familias monoparentais.

Medio rural e medio ambiente:

  • Fomentar  a agricultura e gandería de calidade, informar de subvencións e facilitar os trámites e a obtención de licencias municipais.
  • Crear unha “brigada verde”, que se encargue de arranxar as pontes de madeira, rozar sendeiros  e camiños antigos e melloras medioambientais puntuais, creando postos de traballo na zona.
  • Promover unha marca de calidade para os produtos do Courel (tipo IXP) que aseguren unha boa saída e un mellor prezo para os mesmos.
  • Información e participación por parte dos veciños/as ante a posibilidade da declaración de Parque Natural.
  • Por máis “quitamedos” nas estradas municipais, mellorar a sinalización e colocar varios mapas informativos do Concello.

Turismo:

  • Levar a cabo un Plan de desenvolvemento turístico. Poñer en valor o noso patrimonio, paisaxe e medio natural.  
  • Apertura continua dunha oficina de información turística, tentar establecer un convenio cos donos da Ferrería para a apertura ao público, así como outras actividades para manter oferta turística todo o ano (espeleoloxía a federados, cursos de actividades extremas e de aventura, etc). Mellora e acondicionamento de zonas de interese turístico/patrimonial/natural como fosos, castros, mámoas, muíños, etc.
  • Campañas para promocionar o Concello e mellorar a información turística do Courel para activar o fluxo turístico en meses con menor afluencia. Posicionamento en Internet.
  • Funcionamento permanente da Aula da Natureza para o asesoramento da riqueza natural e das rutas.

Ensino:


  • Reclamar á Xunta a implantación de ciclos formativos de FP e actividades formativas para facilitar a empregabilidade.
  • Loitar para o mantemento do Colexio, poñendo facilidades para afincarse a parellas con fillos en idade de escolarización, e mostrarse inamovible na conservación dos ciclos (infantil, primaria e secundaria) que se imparten no noso CPI.
  • Organizar campamentos neste Concello para nenos/as doutras zonas para achegalos á natureza, xa que estes son potenciais habitantes e visitantes do Courel.

Mocidade e fixación de poboación:

  • Axudar de xeito especial a parellas novas con fillos e ofrecerlles servizos axeitados, tales como gardería, pediatra unha vez o mes no centro de saúde, actividades extraescolares, etc.
  • Fomentar o asentamento de xente no Concello e intensificar esa axuda cos nosos mozos/as que  tiveron que emigrar a outros lugares e queiran voltar ao concello, creando oportunidades de futuro nel. Facilitar trámites burocráticos para emprender ou lograr traballo nesta terra, asesorando e/ou subvencionado iniciativas privadas.
  • Crear un “Banco de vivendas e terras”, facilitando os contactos entre os propietarios e a xente que queira instalarse no Concello.
  • Darlle uso a todos os locais públicos do Concello que están baleiros, ben como locais de asociacións activas ou como vivendas de aluguer para parellas e xente mozas que decida asentarse na zona.
  • Reunirse anualmente con todos os mozos do Concello para saber das súas inquedanzas. Potenciar a unidade para acabar con vellos costumes de “Caurel de arriba” e “Caurel de abaixo”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario