Esta formación é nova e non ten vinculación con ningún
partido convencional. Está formada por veciños/as que non están conformes coas
políticas levadas a cabo no Courel nas derradeiras décadas de gobernos que non
cren no futuro do noso Concello e que nos levaron ao desleixo. O resultado son
políticas baseadas no “ir tirando” e obras que non serviron para frear o
despoboamento nin para manter uns servizos básicos de calidade. TEMOS CLARO QUE
SE OS DOUS PARTIDOS NON TROUXERON OPORTUNIDADES PARA O Courel ANTES, NON O VAN
FACER AGORA.
Pretendemos dotar ao Courel de servizos que permitan
crear alternativas e oportunidades de cara un desenvolvemento socioeconómico
sustentable. Queremos un COUREL VIVO e con FUTURO!
MEDIDAS
CONCRETAS:
• Rematar do acondicionamento e apertura do Centro de
día- Residencia de Maiores de Folgoso, xerando así postos de traballo estables
no concello e prestando un servizo moi necesario para os nosos maiores.
• Dotar de servizos básicos a todos os pobos,
modernizar as instalacións de abastecemento e implantar o saneamento pouco a
pouco en todos os núcleos.
• Solicitar axudas de todo tipo que permitan realizar
proxectos e que potencien o asentamento de poboación e a xeración de emprego.
Non se poden perder subvencións por non pedilas ou por falta de vontade de
facelo.
• Crear unha “brigada verde”, que se encargue de
arranxar as pontes de madeira, rozar sendeiros e camiños antigos e melloras
medioambientais puntuais, creando postos de traballo na zona.
• Promover o asociacionismo e cooperativismo entre os
gandeiros. Asesoramento técnico para modernizar as súas explotacións e facelas
máis rendibles.
• Lograr unha marca de calidade dos produtos do
Courel (IXP) que lle aseguren unha boa saída e un mellor prezo aos nosos
produtos.
• Darlle uso a todos os locais públicos do
Concello que están baleiros, ben como locais de asociacións activas ou como
vivendas de aluguer para parellas e xente mozas que decida asentarse na
zona.
• Apertura dunha oficina de información turística
durante todo o ano e realización de campañas de promoción da riqueza natural,
paisaxística e cultural que posuímos, coa finalidade de atraer a turistas e
mellorar a calidade dos servizos ofertados”. Tentar facer un convenio cos donos
para a apertura da Ferrería de Seoane,
que permita visitalo a determinadas horas.
• Colgar os acordos e propostas dos plenos municipais
na web do Concello, como exemplo de transparencia e para que a información
estea dispoñible para todos os veciños/as.
• Débese limitar o salario do/a alcalde/esa a unha
cantidade digna e sensata para o tamaño e orzamento do noso concello.
• Reunións cas veciñas e veciños do Courel en cada
parroquia, como máximo cada 6 meses, para ver inquedanzas e necesidades de cada
zona.
• Reunión anual cos mozos e mozas para incentivalos a
emprender e afincarse no Courel. Abrir un “portal de suxerencias” onde os
veciños e veciñas poidan facer propostas no Concello.
• Crear un “banco de vivendas e terras”, facilitando
os contactos entre os propietarios e a xente que queira instalarse no
Concello”.
• Solicitar Ciclos Formativos para O Courel naquelas
áreas que pode xerarse máis emprego para o futuro (turismo, medio ambiente,
agrogandeiría, dependencia,...)”.
• Colaborar na realización de actividades
extraescolares, de apoio e de lecer para os
nenos/as do Concello.
• Promocionar O Courel como zona para a realización de
deportes ao aire libre, tales como espeleoloxía, sendeirismo, barranquismo,
etc.
O máis importante para levar a cabo estas medidas é
ter vontade, xa que o custe dalgunhas é 0 € e doutras é ter gañas de pelexar
polo ben dos veciños/as.
Ningún comentario:
Publicar un comentario