Subvencións para mellora aislamento e calefacción de vivendas - C@urel vivo

                                   C@urel vivo

Polo C@urel, con ARELA

DESTACAMOS:

Moción para a Mellora de Cobertura Móbil - Aprobado por unanimidade

 MOCION que presenta o grupo municipal de C@urel vivo – CV diante do Concello – Pleno de Folgoso do Courel, presenta para a súa discusión e ...

Buscar neste blog

sábado, 29 de febreiro de 2020

Subvencións para mellora aislamento e calefacción de vivendas

Prazo 27/02/2020 - 26/03/2020

Actuacións subvencionables.
1. Consideraranse actuacións subvencionables da liña A) para o fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade das vivendas as seguintes:
a) A mellora da envolvente térmica da vivenda ou do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións en fachada, cuberta ou calquera paramento da dita envolvente, de mellora do seu illamento térmico; a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos e o cerramento ou acristalamento das terrazas con teito ou outras, incluída a instalación de dispositivos bioclimáticos e de sombreamento.
b) A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes, mediante actuacións como: a substitución de equipamento de produción de calor ou frío; a instalación de sistemas de control, regulación e xestión enerxética; o illamento térmico das instalacións de distribución e transporte ou a substitución dos equipamentos de movemento dos fluídos caloportadores; a instalación de dispositivos de recuperación de enerxías residuais; a implantación de sistemas de arrefriamento gratuíto por aire exterior e de recuperación de calor do aire de renovación e a conexión de vivendas a redes de calor e frío existentes, entre outros.
c) A instalación de equipamentos de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables, como a enerxía solar fotovoltaica, biomasa ou xeotermia que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica da vivenda. Incluirá a instalación de calquera tecnoloxía, sistema ou equipo de enerxía renovable, como paneis solares térmicos e solucións integrais de aerotermia para climatización e auga quente sanitaria, co fin de contribuír á produción de auga quente sanitaria demandada pola vivenda, ou a produción de auga quente para as instalacións de climatización.
Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior ás actuacións sinaladas nas letras a), b) e c), deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en fomento e enerxía, turismo e/ou axencia dixital, que se encontran no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.
Con estas actuacións deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e, un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no Código técnico da edificación (en diante, CTE). A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos, as actuacións sinaladas nas letras b) e/ou c) deberánse realizar sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas na letra a).
d) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE protección contra o ruído (DB-HR).
A xustificación da mellora de protección contra o ruído poderase realizar mediante as opcións do DB-HR ou cunha medición da situación posterior á actuación elaborada por un laboratorio ou entidade, de acordo co artigo 10.3 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.
e) As actuacións que melloren o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE de salubridade (DB-HS) ou, na súa falta, as que afecten elementos cuxo tratamento permita reducir de forma efectiva no interior da edificación a media anual de concentración de radón a niveis inferiores a 300 Bq/m3 ou coas cales, sen alcanzar o devandito nivel, se reduza a concentración inicial, polo menos, nun 50 %.
A xustificación destas melloras farase mediante os procedementos que se establezan no documento básico do CTE de salubridade (DB-HS) ou, no seu defecto, en virtude das medicións de comprobación dos correspondentes niveis, de acordo co establecido nas guías de seguridade 11.01 e 11.04, do Consello de Seguridade Nuclear.
2. Nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, ademais das anteriores actuacións, serán subvencionables as seguintes:
a) A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela, mediante actuacións como a substitución de lámpadas e luminarias por outras de maior rendemento enerxético, xeneralizando, por exemplo, a iluminación LED, instalacións de sistemas de control de acceso e regulación do nivel de iluminación e aproveitamento da luz natural.
Para a xustificación da demanda enerxética e do consumo de enerxía primaria non renovable na situación previa e posterior a esta actuación deberase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios con competencias en fomento e enerxía, turismo e/ou axencia dixital, que se encontran no Rexistro xeral de documentos recoñecidos para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.
Con esta actuación deberase conseguir unha redución da demanda enerxética anual global sobre a situación previa de, polo menos, un 35 % nas zonas D e E e, un 25 % na zona C, correspondentes ás zonas de clasificación climática establecidas no CTE. A dita redución poderase alcanzar de xeito conxunto ou complementario, de calefacción e refrixeración referida a certificación enerxética. Para estes efectos, esta actuación deberase realizar sempre conxuntamente cunha actuación das sinaladas neste punto tres,1.a).
b) A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público da rede de sumidoiros.
c) A mellora ou acondicionamento de instalacións para a adecuada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.
d) O acondicionamento dos espazos privativos da parcela, co obxecto de mellorar a permeabilidade do solo, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas.
e) As actuacións que fomenten a mobilidade sustentable nos servizos e nas instalacións comúns dos edificios ou urbanizacións, tales como a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos nos aparcadoiros ou a adecuación de zonas e instalacións de aparcadoiros de bicicletas.
f) As instalacións de fachadas ou cubertas vexetais.
g) A instalación de sistemas de domótica e/ou sensórica.
3. Consideraranse actuacións subvencionables da liña B), para o fomento da conservación, as seguintes actuacións:
a) As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
b) As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluídos os procesos de desamiantado.
c) As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.
4. Consideraranse subvencionables da liña B), para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:
a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e no interior das vivendas.
d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros e análogos.
e) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
f) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido á vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
g) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

A onde chamar ou acudir

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Lugo
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo
Avda. Ramón Ferreiro 28
27071  Lugo  (Lugo)
Teléfono: 982294602
Fax: 982294624


Ningún comentario:

Publicar un comentario