A continuación detallámosvos as propostas que levaremos o pleno e vemos como necesarias para o Courel.
O pleno será o 30 ás 20.00 por se fose do voso intererese e queredes asistir presencialmente. Se non podedes, recórdarvos que o gravaremos e colgaremos neste mismo blog para que o poidades escoitar.
-----------------------------------------1ª Proposta----------------------------------------
Óscar Carrete Lage,
concelleiro/voceiro do grupo de C@urel vivo – PDDdGna
Corporación Municipal de Folgoso do Courel e en base á lexislación vixente,
presenta a seguinte Moción relativa á
OPTIMIZACIÓN DOS RECURSOS HUMÁNS DO CONCELLO DE FOLGOSO DO COUREL.
EXPOSICION DE MOTIVOS:
No
Concello de Folgoso do Courel créanse 2 brigadas de verán compostas por 12
efectivos, a través das axudas que se reciben para a defensa e prevención
contra os incendios forestais. Ditas brigadas teñen que desenvolver traballos
de roza de 10 hectáreas entre as dúas, as cales dependen da decisión e proposta
do propio goberno municipal.
Nestes derradeiros anos, estas tarefas de prevención
limitáronse á roza de camiños polo monte ou á limpeza de leiras, terreos ou
camiños de titularidade municipal ou de donos descoñecidos aos que non se lles
pode reclamar que asuman este traballo, non supoñendo na maioría dos caso un sistema eficaz para previr
ou mitigar un incendio forestal.
Dende
esta formación vemos necesario que, de cara á vindeira campaña de incendios de
verán, se priorice a limpeza de faixasde protección contra incendios arredor
dos núcleos de poboación, xa que na gran maioría deles a malezarodea os pobos (dende
Seceda a Vilela, pasando por Mostad, Sobredo ou mesmo Seoane), elevando o risco
potencial de incendios ou dificultando o acceso aos mesmos no caso de
producirse.
Nestes
traballos podería colaborar o persoal do GRUMIR que, ao estar contratado
durante todo o ano, dispón de máis tempo para realizar este tipo de tarefas. De
feito, entre as funcións específicas destes grupos están:
·
A loita contra os incendios forestais, con
especial vixiancia das zonas protexidas e masas arbóreas.
·
As actuacións en incendios urbanos, como
primeira intervención
Por
outra banda, entendemos que se debe cambiar o enfoque que se lle está dando aos
sucesivos obradoiros de emprego, dende unha perspectiva de futuro e con vista á
posta en valor o gran patrimonio cultural e paisaxístico deste Concello. Para
elo, deberíanse arranxar e, no seu caso, repoñer pontes sobre os ríos,
recuperar patrimonio arqueolóxico e da arquitectura tradicional (alvarizas,
sequeiros, fraguas,muíños,...), así coma a mellora paisaxística do entorno.
Todas estas intervencións contribuirían a enriquecer e conservar o noso
patrimonio e, evidentemente, incrementarían o atractivo turístico da zona.
Por todo o
anterior, C@urel vivo propon o seguinte ACORDO:
1. Dar prioridade aos traballos de roza de faixas de protección para a
prevención e defensa contra os incendios forestais de canto menos 25m no
entorno dos núcleos de poboación (especialmente naqueles casos nos que os
terreos de monte ou arborado se atopen a menos de 400m das vivendas ou
eficiacións).Así mesmo deberanse manter limpos camiños veciñais que rodean os
pobos. Estes traballos serán realizados
polo GRUMIR e polas brigadas de prevención e defensa contra incendios
contratadas no verán.
2. No caso de solicitarse novos obradoiros de emprego, estes enfocaranse á
conservación do patrimonio paisaxístico, arquitectónico e cultural que posúe o
Concello, de xeito que contribúa a mellorar o atractivo turístico da zona.
Algunhas destas actuacións prioritarias serán o arranxo de pontes, recuperación
de alvarizas, muíños, fraguas ou outros elementos do patrimonio arquitectónico
local, así como intervencións paisaxísticas no entorno que poñan en valor
importante patrimonio que posuímos no Courel.
En
Folgoso do Courel a 19 de Outubro
Asdo: Óscar Carrete Lage
-----------------------------------------2ª Proposta----------------------------------------
Óscar Carrete Lage,
concelleiro/voceiro do grupo de C@urel vivo – PDDdGna
Corporación Municipal de Folgoso do Courel e en base á lexislación vixente,
presenta a seguinte Moción relativa ás
AXUDAS ADICADAS Á REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS E FESTAS PATRONAIS NOS
POBOS DE O COUREL.
EXPOSICION DE MOTIVOS:
O Concello de Folgoso
do Courel ven adicando anualmente arredor de 2.000 euros de fondos públicos
para axudar a conservar as festas patronais dos nosos pobos. O reparto destes
fondos públicos entre as diferentes
aldeas non é equitativo, ao noso
parecer. Non se fai en base a unha convocatoria de axudas públicas ás que todas
as comisións de festas, asociacións ou outras entidades promotoras das mesmas
poidan acceder con garantías de igualdade e equidade, nin se xustifica en base
a ningunha premisa legal por qué algunhas aldeas reciben oito veces máis que
outras.
Esta situación non
favorece en nada á conservación das devanditas festas nin anima a ninguén a poñerse ao fronte dun evento destas
características.
Tampouco existe unha
partida orzamentaria destinada a este fin, o que amosa unha falta de previsión
por parte do goberno municipal.
Por outra banda, e a
pesar de vivir nunha zona afastada de cidades ou áreas onde a oferta cultural é
maior, dende o Goberno Municipal non se fai un esforzo importante por achegar
estes eventos aos veciños e veciñas da zona. Tanto a Xunta de Galicia como a
Deputación de Lugo promoven a realización de eventos culturais (teatro, música,
monicreques,...) en distintos Concellos. Tamén este roteiro cultural debería
pasar polo Courel, sen ter que desprazarnos centos de kilómetros para amosarlles
aos nosos nenos/as unha actuación teatral ou ver a un grupo musical de
vangarda.
Por todo o
anterior, C@urel vivo propon o seguinte ACORDO:
1.
Preparar a principios de ano
unha convocatoria de axudas públicas para a realización de actividades culturais
e celebración de festas patronais, dirixida a comisións de festas, asociacións
e outras entidades. Dita convocatoria conterá un baremo mediante o cal se
puntuarán as actividades propostas e limitará a cantidade a percibir por cada
evento. Deberase primar aquelas que propoñan actividades culturais de promoción
da cultura e as tradicións propias da zona na que vivimos. Así mesmo,
destinarase unha partida orzamentaria total para dita convocatoria.
2.
Esta convocatoria de axudas
permanecerá aberta dende o mes de abril a setembro, de xeito que aos distintos
promotores lles permita organizarse e facer unha proposta festiva e cultural
durante case todo o ano, podendo realizar o evento proposto ata o 30 de
decembro do mesmo ano.
3.
Crear unha comisión de
actividades culturais, que se reúna unha vez ao mes neste período, co fin de
tramitar e valorar ás solicitudes presentadas. Para tal fin, farase unha
distribución orzamentaria en partidas, que permita usar equitativamente os
fondos públicos. Esta comisión elaborará unha listaxe con puntuacións e
partidas asinadas a cada unha das actuacións que van recibir axudas públicas.
4.
Solicitar a outras
administracións públicas (Xunta de Galicia e Deputación de Lugo) a celebración
de eventos culturais no noso concello, dentro do percorrido cultural que moitos
grupos de teatro, música e outros celebran ao longo da provincia e do País.
En Folgoso do Courel , a 15 de outubro de 2015
Asdo: Óscar Carrete Lage
Óscar Carrete Lage,
concelleiro/voceiro do grupo de C@urel vivo – PDDdGna
Corporación Municipal de Folgoso do Courel e en base á lexislación vixente,
presenta a seguinte Moción relativa Á
POSTA EN MARCHA DO CENTRO DE DÍA- RESIDENCIA DE TERCEIRA IDADE EN FOLGOSO DO
COUREL.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O
noso Concello encabeza as listas de municipios máis envellecidos de Galicia
dende hai máis dunha década, cuestión que mesmo a Sra. Alcaldesa advertiu
recentemente nun congreso do seu partido.
Ao
avellentamento da poboación súmanse outros factores que contribúen ao
empeoramento da calidade de vida dos habitantes deste concello: elevado
illamento, insuficiencia de servizos á terceira idade e carencia de gardas
médicas polas noites. A consecuencia evidente e tráxica desta situación é a migración
dos nosos maiores a xeriátricos doutros Concellos.
Desde
o ano 2003, cando se iniciaron os trámites de desafectación do antigo
Colexio de Folgoso para convertelo nunCentro de Día- Residencia demaiores, ata
hoxe pasaron varios gobernos locais que nos levan “vendendo” a mesma proposta
eleitoral e que nunca chega a concluírse. Neste período o Concello perdeu preto de medio millar de
habitantes.
Doce
anos nos que se fixeron investimentos de
máis de medio millón de euros e se levan deixado perder máis dun millón de
euros. Entanto, o edificio segue baldeiro e cun deterioro evidente das súas
instalacións.
Esta
moción non pretende buscar responsables. Ben sabemos quén tivo e ten responsabilidades
na xestión local neste período. O que se pretende é por remedio á despoboación,
á falta de oportunidades de emprego e á indignidade que supón para a xente
maior ter que abandonar o seu entorno para pasar os derradeiros anos de vida
lonxe do fogar.
A
posta en marcha da Residencia de Maiores- Centro de día é un servizo necesario
para á xente maior, pero pode supor tamén unha oportunidade laboral para moita
xente do Concello, contribuíndo así mesmo a asentar poboación.
É
tan evidente esta necesidade en áreas de montaña como é O Courel que todos os
Concellos de arredor do noso dispoñen dalgún tipo de servizo adicado ao coidado
e benestar das persoas maiores (en Pedrafita están rematando a residencia de
maiores, Samos dispón de vivendas para maiores, Quiroga ten unha residencia de
maiores e centro de día; no Incio tamén hai unha residencia e a Pobra de
Brollón dispón dun centro de día e está en proxecto a construción dunha
residencia de maiores). Somos no único Concello da contorna onde non se dispón
de ningunha institución destinada a este fin. Aquí, onde máis xente de avanzada
idade vive soa, onde temos peores comunicacións, semella que teñamos menos
necesidade destes servizos que nos municipios que nos rodean.
Polo exposto, proponse á
adopción dos seguintes ACORDOS:
1. Que
se abra unha comisión de investigación para dilucidar en qué foron investidos
os fondos destinados á Residencia de Maiores-Centro de Día de Folgoso. Esta
comisión farase cargo de elaborar un informe de todas as obras executadas ata a
data nesta edificación, así como os pertinentes contratos, proxectos e
mobiliario adquiridos no seu momento. Así mesmo, proponse que o arquitecto
municipal elabore un informe sobre o estado actual do edificio e das obras
executadas.
2. Que
se inicien os trámites para a finalización da obra de Residencia de
Maiores-Centro de día de Folgoso e a súa posterior posta en marcha. Tendo en
conta que o orzamento municipal é escaso para devandita obra, o Concello poderá
recorrer á Xunta de Galicia ou á Deputación de Lugo coa maior brevidade
posible, dada a alarmante situación de desertización demográfica na que se
atopa o municipio.
3. Que
se soliciten accións formativas encamiñadas a formación de persoal no Concello
con vista á posta en funcionamento da residencia de Maiores- Centro de día, co
obxectivo de que a apertura do citado centro poida supoñer unha alternativa
laboral para os/as veciños/as do Courel.
En
Folgoso do Courel , a 15 de outubro de
2015
Asdo: Óscar Carrete Lage
Ningún comentario:
Publicar un comentario