Proposta para POTENCIAR O USO DO CASTIÑEIRO NAS OBRAS PÚBLICAS - C@urel vivo

                                   C@urel vivo

Polo C@urel, con ARELA

DESTACAMOS:

Proposta para POTENCIAR O USO DO CASTIÑEIRO NAS OBRAS PÚBLICAS

  MOCIÓN PARA POTENCIAR O USO DO CASTIÑEIRO NAS OBRAS PÚBLICAS Proposta presentada polo grupo municipal de C@urel Vivo (CV) ó Pleno do...

Buscar neste blog

xoves, 12 de decembro de 2024

Proposta para POTENCIAR O USO DO CASTIÑEIRO NAS OBRAS PÚBLICAS

 



MOCIÓN PARA POTENCIAR O USO DO CASTIÑEIRO NAS OBRAS PÚBLICAS

Proposta presentada polo grupo municipal de C@urel Vivo (CV) ó Pleno do Concello de Folgoso do Courel para a súa discusión e aprobación.

Contexto

O noso Concello conta con numerosos soutos maduros, con abundante madeira de castiñeiro dispoñible para a construción e outros usos. A madeira de castiñeiro, histórica e tradicionalmente, foi empregada no Courel e en toda Galicia en tellados, pisos e outras estruturas que destacan pola súa durabilidade e resistencia ó paso do tempo. A pesar destas vantaxes, o uso de madeira de castiñeiro reduciuse nas obras públicas, en parte pola chegada doutras madeiras máis baratas e con máis venda.

Problemas Detectados

  1. Durabilidade limitada doutras madeiras usadas en obras públicas: O uso de madeiras de menor calidade, como o piñeiro, reduce a vida útil das infraestruturas, o que xera maiores custos de mantemento a longo prazo.
  2. Perda de valor dos soutos: A baixa demanda da madeira de castiñeiro desincentiva a súa xestión sostible e a súa demouca, resultando no abandono de soutos que poderían xerar recursos económicos e ambientais. Tanto madeireinos como en produción de castaña.

Beneficios do Castiñeiro

  • Durabilidade e resistencia natural: A madeira de castiñeiro destaca pola súa resistencia á humidade, fungos e insectos, superando amplamente o piñeiro en condicións de exposición ambiental.
  • Estética e versatilidade: As súas vetas pronunciadas e tonalidade cálida melloran co tempo, facendo que sexa ideal para proxectos de calidade.
  • Estabilidade dimensional: A menor tendencia a deformarse ou fender asegura un mellor mantemento das estruturas.
  • Impacto ambiental positivo: O uso de madeira local reduce a pegada de carbono e fomenta o desenvolvemento sostible da economía rural.

Aínda que o custo inicial do castiñeiro é superior ao doutras madeiras, a súa longa vida útil e menores custos de mantemento fan que o investimento sexa rendible a longo prazo. Xa que supoñendo un incremento de desembolso inicial, dura 3, 4 ou 5  veces máis ca madeira de piñeiro. Polo que o desembolso a maiores, está compensado con creces.

 

A maiores, cabe destacar que temos serradoiros de castiñeiro cerca, o que fai que sexa máis barato que noutras partes do país. E destacar tamén que o maior uso de esa madeira, beneficiaría  os donos de soutos vellos. Animando a demoucar ou a vender a madeira , o que melloraría indirectamente a mellora de soutos, con aclareos, renovación das polas das arbores e en definitiva, mellora da produción da castaña.

 

En resumo, aínda que a madeira de castiñeiro supón un investimento inicial algo maior, as súas vantaxes en durabilidade, estética e estabilidade compensan o custo adicional en proxectos que requiran unha longa vida útil e unha aparencia distintiva.

 

Desde CV entendemos que nas obras que se realizan desde o concello e as que fan outras administracións, pretenden durar o maior tempo en bo estado. Polo que deberiamos ter un compromiso dende aquí para facelas con materiais duradeiros e máis seguros. Xa que á larga aforrará diñeiro público e os acabados serán de calidade superior.


O que vimos nos últimos anos e que a maioria desas obras se fixeron e se seguen a facer con madeira que solo dura uns anos e logo vemos imaxes como a que axuntamos, de parques infantis, bancos,  peches, escaleiras... en mal estado:

 

 

 

 

 

 

Conclusión

O grupo municipal de C@urel Vivo entendemos que é fundamental apostar por materiais e produtos locais, duradeiros e de alta calidade, como o castiñeiro, nas obras públicas. Isto non só asegura unha mellor xestión dos recursos públicos, senón que tamén contribúe á revitalización dos soutos e beneficio da veciñanza.

 

Por todo o exposto anteriormente, Desde o grupo municipal de C@urel Vivo, Solicitamos:

  1. No ámbito municipal:
    • Incorporar nos pregos das obras públicas licitadas ou realizadas polo Concello o uso prioritario de madeira de castiñeiro.
    • Priorizar esta madeira especialmente en proxectos con necesidades de durabilidade, como peches, pasarelas e estruturas de exterior.
  2. No ámbito autonómico e provincial:
    • Instar á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo a incluír cláusulas nos seus pregos de contratación que favorezan o uso de madeira de castiñeiro nas súas obras públicas.
  3. Proxectos piloto:
    • Realizar proxectos piloto no municipio que exemplifiquen o éxito do uso de castiñeiro, demostrando os seus beneficios técnicos, estéticos e económicos.

 

 

 

 

 

Folgoso do Courel , a  12 de Decembro de 2024

Ningún comentario:

Publicar un comentario